Feijóo opta aos galardóns "Antilingua" que se votan a través da web "galiciaprofunda.com"
A Irmandade Moncho Valcarce, que en memoria do coñecido como "O cura das Encrobas" entrega cada ano dous premios a aquelas persoas ou institucións que se caracterizaran pola defensa e promoción de Galicia, recoñeceu á Mesa pola Normalización Lingüística co premio "Defensa da Terra" na súa edición 2009. A publicación A Peneira, que celebra o seu 25 aniversario, foi merecedor do premio "Promoción da Terra". Nunha cea celebrada o pasado sábado na Coruña, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, recolleu o galardón en nome da asociación en defensa da lingua e destacou a honra que supón "recibir unha distinción que leva o nome dunha persoa que tanto traballou polo país", sobre todo agora, "despois dos ataques tan duros que ten recibido A Mesa, e ante a involución lingüística que promete o novo goberno galego".
Ademais, o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, é un dos candidatos á II edición dos premios "Antilingua", pola súa intención de derrogar o decreto do galego no ensino. Tamén optan a estes galardóns promovidos pola web "GaliciaProfunda.com" o Hospital Juan Cardona de Ferrol, por "discriminar os galegofalantes", a FAES, por cualificar de "extravagancia" o informe de normalización do galego ou a UPyD por "vincular o fracaso escolar co ensino do galego".
Sem comentários:
Enviar um comentário