Profesionais da Administración de Xustiza subscribiron na Mariña lucense a chamada Declaración de Foz, na que expresan o seu compromiso «individual e colectivo, coa remoción dos obstáculos e prexuízos que impiden que o galego se use con normalidade nos xulgados e tribunais galegos». A declaración a favor do uso do galego en todos os ámbitos xudiciais fíxose pública no transcurso da homenaxe que José Juan Barreiro Prado, presidente da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra recibiu no seu municipio natal, onde se lle outorgou o título de fillo predilecto de Foz.
Luis Villares Nadeira, xuíz da Fonsagrada, deu lectura ao texto que subscriben máis de trinta profesionais, xuíces, fiscais, avogados e outros membros da Administración de Xustiza, moitos da provincia de Lugo, que forman parte da Irmandade Xurídica Galega, así como o Concello da Fonsagrada, municipio este no que Barreiro Prado iniciou a súa actividade profesional fai tres décadas. A lectura do texto tivo especial relevancia no acto, posto que Barreiro Prado está considerado o maxistrado «que máis resolucións ten ditado en galego na historia da nosa lingua». Os asinantes da Declaración de Foz comprométense a crear un ambiente «de favorable acollida» do galego en todos os ámbitos do Dereito, «explicándolle á xente que pode desenvolverse e actuar en galego sen medo a verse reprendido e animándoos a se expresar na lingua que o fagan habitualmente».
Tamén acordan «tomar a iniciativa» falando en galego nas relacións cos cidadáns que demandan os diferentes servizos da Administración xudicial; impulsar o galego escrito en documentos e resolucións para transmitir a sensación de normalidade da lingua na Administración de Xustiza e non mundo do Dereito, e finalmente «a desterrar desde agora e para sempre os prexuízos que poidan quedar contra o galego na Xustiza».
As institucións competentes van velar porque se adquira o bilingüísmo harmónico tamén na Administración de Xustiza? Agardamos que non se esquezan desta área tan desfavorecida!!
Sem comentários:
Enviar um comentário