09/03/09

Un marzo repleto para Yolanda Castaño


A poeta santiaguesa-coruñesa inicia mañá toda unha xeira de citas literarias que a desprazarán pola xeografía de España e Franza ao longo do que resta do mes de marzo.



Este venres día 6, Yolanda Castaño participará no IV Festival Internacional de Poesía de Lleida "Mahalta 2009", ao longo dun programa que culminará no espectáculo poético conxunto que terá lugar no Auditori Enric Granados da cidade ás 21h dese día. Cunha presenza especial de autores e autoras dos Países Cataláns, o Festival Mahalta de Poesía enriquecerase coa presenza doutros poetas europeos estranxeiros, así coma do único convidado chegado da literatura en español, o autor de poesía en asturiano e a propia Yolanda, en galego.
A semana próxima, a nosa autora Premio Nacional da Crítica 1999 será tamén a única autora galega que tome parte no "IV Festival de la Palabra. VERSÁTIL.ES-09" en Valladolid, un evento anual vencellado á Universidade desta capital castelán-leonesa, e que se estenderá do día 10 ao 12. Obradoiros, presentacións de libros, mesas redondas, recitais e concertos terán lugar en Valladolid cunha atención especial aos aspectos máis prácticos da escrita xunta ás novísimas poéticas, e coa presenza de nomes coma os de Jordi Doce, María Eloy-García, Alberto Santamarina, Sofía Rhei ou Nacho Vegas.
Xusto a continuación, Castaño participará no ciclo que dende o ano 1992 desenvolve a Aula de Poesía Díez-Canedo en Badaxoz. Cunha lectura individual de poemas propios para o público xeral e outra nun Centro de Ensino Secundario da cidade extremeña, acrecenterá no día 12 unha nómina na que figuran Gamoneda, Valente, Cabello Bonald, Hierro, Ángel González ou Goytisolo.
Na seguinte semana será quenda para Elche; na cidade alacantina Yolanda Castaño participará no I Festival de Poesía "Nosomostanraros", organizado polo Instituto Municipal de Cultura, cun espectáculo poético multimedia que terá lugar o día 18 no Centro de Cultura Contemporánea l'Escorxador. Un despregue de videopoesía, performance, música, efectos de luz e son a cargo da poeta galega.
Para rematar, os pasos de Castaño conducirana ata Francia. Ofrecerá unha conferencia sobre poesía galega dos últimos anos na Universidade da Sorbona en París o día 27, que repetirá na Universidade de Rennes o 30 e o 31 en Lorient, citas organizadas polos lectorados de galego na capital francesa e na rexión bretoa.
Yolanda está a piques de ver publicada a edición bilingüe galego-castelán do seu último poemario, "Profundidade de Campo", que fora gañadora do XV Premio de Poesía Espiral Maior e que verá agora a luz no selo madrileño de Visor para o resto de España e Latinoamérica.
Que vos parece?

Sem comentários:

Enviar um comentário