02/03/09

O colexio do Foxo celebrará a próxima semana o centenario do nacemento do escritor Manuel Daniel Varela Buxán

O colexio do Foxo celebrará a próxima semana o centenario do nacemento do escritor Manuel Daniel Varela Buxán. O autor, natural de Sanlouzáns, na parroquia estradense de Lamas, naceu o 2 de marzo de 1909. O centro deixará pasar a resaca das eleccións do domingo e festexará o centenario dous días despois da data oficial, o vindeiro mércores, día 4 de marzo.
Para conmemorar o centenario, o CEIP organizou unha exposición sobre a vida e a obra do escritor na que se mostrará abundante material inédito cedido pola familia do escritor. A mostra, que levará por título Varela Buxán, ou patriarca do teatro galego , instalarase no vestíbulo de entrada ao centro. Reunirá material bibliográfico e fotográfico, ademais de varios obxectos persoais do autor. Entre estes últimos destacan, como curiosidades, a primeira máquina de escribir utilizada por Varela Buxán, un dos seus traxes, o maletín que utilizou na súa faceta como dentista, o seu título de practicante ou as medallas e recoñecementos que cultivou ao longo da súa vida.
Retrato inédito de Laxeiro
A exposición permitirá contemplar o retrato de Varela Buxán que pintou Laxeiro, propiedade da familia do escritor e que se exporá ao público por primeira vez. Así mesmo, exhibiranse varios libros persoais do autor, sobre todo de teatro. Entre eles destaca un exemplar da obra Sempre en Galiza editado en Buenos Aires e asinado polo propio Castelao. A mostra incluirá ademais 89 fotografías do autor e outros documentos de interese, como a súa partida de nacemento ou os testemuños do seu bautizo na igrexa de Rubín e dos estudos cursados na escola Unión de Rubín.
Unha sección de hemeroteca recollerá artigos publicados sobre e por Varela Buxán e varios folletos promocionais de diversas estreas teatrais.
A exposición será inaugurada o mércores e manterase durante varios días. Poderá ser visitada por todos os interesados no horario habitual de apertura do centro.
Que vos parece?

Sem comentários:

Enviar um comentário