O 50% das organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD) asentadas en Galicia emprega maioritariamente a lingua galega nas súas actividades. Así se desprende do estudo presentado onte e que foi realizado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) en colaboración co profesor da Universidade de Vigo, Xesús Domínguez.
Os resultados da investigación reflicten que as actitudes para o emprego do galego por parte destes colectivos son moi favorables. Así, máis do 75% destas considera importante que o galego sexa a lingua oficial e máis do 80% inclúe nos seus principios ou nas súas bases fundacionais a diversidade e a tolerancia lingüística.
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, indicou que as ONGD realizan unha importante tarefa para a normalización da lingua galega. "Para persoas que acaban de chegar, a porta que constitúen as ONGD éo tamén para a lingua, un elemento fundamental para facilitar a súa integración". Segundo López, para traballar en Galicia, "empregar o galego habitualmente dálles ás ONG unha gratificación de eficacia, pois supón que as súas accións sexan percibidas dunha forma máis próxima polos seus receptores".
Para o director do Igadi, Xulio Ríos, o uso do galego non se pode ver como unha dificultade, "senón que abre oportunidades" para potenciar a cooperación, principalmente nos países africanos de fala portuguesa.
Que pensades? Opinade!
Sem comentários:
Enviar um comentário