02/12/08

"Paisaxe e nación", Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007, indaga na concepción da paisaxe en Galicia dende o nacionalismo

"A percepción do espazo nunca é inocente senón ideolóxica". Baixo esa premisa, a profesora María López Sández (Lugo, 1973) indaga na concepción da paisaxe en Galicia que, ao seu ver, bebe do imaxinario social do nacionalismo. López Sández, doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada e profesora nun instituto de Negreira, presentou onte a obra "Paisaxe e nación (A creación discursiva do territorio)", coa que gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no ano 2007.
A gañadora do Ramón Piñeiro estuda os significados da paisaxe na cultura galega a través de tres figuras que marcaron a evolución da literatura do país: Rosalía de Castro, Otero Pedrayo e Méndez Ferrín. Na época da autora de "Follas Novas" -figura fundacional do Rexurdimento galego- o poder entendía a paisaxe como "algo inocuo", o que favoreceu a proliferación de imaxes dunha "Galicia bela e máxica", na que predominaban "as carballeiras, o verde o a frondosidade". No caso do xeógrafo que escribiu "Arredor de si", o imaxinario galego adquiriu "certa dose de asentamento" mentres que a visión máis actual chegou da man de Ferrín que analiza o imaxinario paisaxístico "dende unha perspectiva irónica".Para a autora de "Paisaxe e nación", calquera achega ó espazo ten sempre unha impronta ideolóxica. "É dificil ter unha percepción desprovista de ideoloxía. Na actualidade, o debate entre campo e cidade, entre rural e urbano segue vivo. Ás veces, fálase con certo desapego do rural como algo obsoleto ou decimonónico e prefírese o discurso que quere incorporar o urbano. Pero non recoñecer o valor que tivo o rural na creación do noso imaxinario tampouco ten sentido".

Sem comentários:

Enviar um comentário