08/11/16

LITERATURA POPULAR OUTONAL

Pasou o Samaín e xa temos aquí o San Martiño e os magostos. Con este motivo, queremos compartir con vós un traballo feito polos compañeiros de 3º ESO.  Por un momento, abandonaron o seu mundo dixital e  dedicáronse a escoitar aos seus maiores, que lles transmitiron  algunhas  mostras de literatura popular  relacionadas con estas datas outonais que foron pasando nestas terras de xeración en xeración. Agardamos que vos gusten!

REFRÁNS
  • As castañas que despois do San Martiño quedan no souto, son do moucho.
  • Castaña que está no camino, é do veciño.
  • Se o mes de agosto vén claro, bo magosto e bo nabo; se ven nubrado, poucas castañas e nabos furados.
  •  Setembro, ou seca as fontes ou leva os montes.
  • Castañas, noces e viño fan as delicias do San Martiño.
CANTIGAS


·         O San Roquiño de Tállara
sempre é no mes de outono,
para comer as castañas
ai, roubadas do seu dono.


·         Polo San Martiño,
faise o magosto,
con castañas asadas
e viño ou mosto.


·         Santo que estás no canizo,
bota castañas abaixo,
que aínda sen mandil,
apáñochas no refaixo.

·         Non chas quero, non chas quero,
castañas do teu magosto.
Non chas quero, non chas quero,
Que me cheiran ó chamosco.


·         As castañas son castañas,
os ourizos son ourizos,
os ollos da túa cara
para min son dous feitizos.

·         Acabáronse as castañas,
secaron os castiñeiros,
acabáronse as rapazas,
quedan os mozos solteiros.




ADIVIÑAS

Ave teño de nome,
de la o revestimento,
o que non o adiviñe,
non ten discorremento.

Unha cousiña, cousa,
criada no monte,
enxoita na casa
e cómese sen tasa.

Sem comentários:

Enviar um comentário