05/06/16

LITERATURA DE CORDEL



Partindo da idea dunhas das profes do EDL, o alumnado de 4º B da ESO decidiu realizar durante este curso un proxecto que acabamos de amosar polo corredor de arriba, antes da entrada á Biblioteca. 
Primeiro lemos o segundo libro da triloxía de Amote Leo A., que xa comezaramos o ano anterior; a continuación dividímonos en grupos e buscamos cada un dos lugares polos que Leo pasou nesta segunda parte. Así, se queredes coñecer os sitios máis turísticos de París, Praga, Istambul, Roma e Venecia non tedes máis que descolgar os libriños que aparecen no noso cordel particular e alí atoparedes foto e unha breve explicación da importancia histórica do monumento ou lugar en cuestión. Iso si, non vos esquezades de, unha vez que rematedes de manipular os pequenos libriños, devolvelos ao seu lugar. Fixádevos que os monumentos de cada cidade van agrupados por pinzas da mesma cor.
Con este traballo, o EDL tamén pretende poñer o seu gran de area no gran proxecto levado a cabo este ano no centro e coordinado pola Bilioteca: o PDI, que leva por título: Defíneme artista. Cando rematamos a lectura do libro, alá pola primeira avaliación, consideramos que para nós artistas eran todos eses persoeiros responsables da realización dos grandes monumentos que todos/as visitamos cando facemos turismo. Por isto, no canto de anacos de relatos ou poesías como tiñamos pensado nun comezo, decidimos ilustrar con imaxe e explicación cada un dos lugares que Leo percorreu ao longo deste segundo tomo: Estación de tránsito.




Sem comentários:

Enviar um comentário