Dende o EDL (Equipo de
Dinamización Lingüística) e coa colaboración de todo o profesorado de Infantil,
Primaria e parte de Secundaria quixemos levar a cabo unha actividade novidosa co
gallo da celebración do Mes de Manuel
María.
Trátase da celebración dun mercado
tradicional no que participou todo o alumnado de Infantil e Primaria e que tivo
lugar no CPI Cernadas de Castro, en Lousame, o pasado 27 de maio.
A actividade consistiu no seguinte:
Cada nivel tiña un posto de comida atendido en todo momento polos seus
titores/as e no que o alumnado, por quendas, foi atendendo as demandas dos seus
compañeiros/as.
O alumnado e o profesorado foron
vestidos de época e, durante a mañá, puidemos escoitar música tradicional
galega da man do músico e gaiteiro Fernando
Docampo, xunto cos compoñentes da agrupación Gaitas do Liceo de Noia e O
son do Pote de Lousame. Dende logo, non faltaron xogos populares, así como
filloas feitas no momento e incluso churros. A asociación A Creba tamén nos acompañou cunha exposición de produtos elaborados
por todos os seus integrantes.
Asemade,
contamos cunha exposición de oficios tradicionais que os familiares do noso
alumnado fixeron voluntariamente: ferreiro, hortelá, canteiro, carpinteiro,
palilleira, florista, costureira, tecelá, muiñeiro, cesteiro e artesán de
gaitas. Ao rematar e, a pesares da choiva, servimos a comida para todos/as no
exterior.
Queremos agradecer tamén aos
pais/nais do noso alumnado a súa colaboración, xa que achegaron toda a parte
gastronómica, así como a Rafa, o noso churreiro, exalumno do centro, que
altruistamente serviu churros durante toda a mañá.
Mil grazas a todos e ata a
próxima.
Para ver os vídeos da TVG clica aquí, aquí e aquí.
Para ver as fotos clica aquí.
Sem comentários:
Enviar um comentário