10/12/12

Francisco Castro na nosa biblioteca



O mércores, 5 de decembro, recibimos a visita de Francisco Castro, autor do libro Chamádeme Simbad que, nesta ocasión, lemos os alumnos de 1º ESO.
Falounos un anaco sobre a obra e explicounos que decidiu escribila cando comezou a ver os síntomas da enfermidade do alzhéimer na súa propia nai, mais a verdadeira razón pola que se decidiu a facer o libro foi outra: tentaba falar dun tema importante na nosa sociedade. Un tema, coma outros moitos, que ás veces a xente deixa de lado para fixarse  en acontecementos ou personaxes da sociedade irrelevantes.
Na charla-coloquio que tivemos a continuación, amosouse como un home comprometido coa cultura en xeral e coa cultura galega en particular. Como presidente de GALIX, explicounos como funciona a asociación e cal é o seu traballo. Falounos tamén dalgunhas das súas obras xa publicadas, das súas lecturas preferidas, dos seus hábitos de traballo e como non da sua bitácora A canción do náufrago.
Rematamos a sesión con este home de hábitos tan saudables como o de erguerse todos os días ás cinco da mañá para poder convivir, durante dúas horas, cos personaxes das súas obras. Dúas horas intensas onde só existen el e os protagonistas dos seus libros.
Graciñas pola túa visita, Francisco.

Sem comentários:

Enviar um comentário