14/06/10

Bernardino Graña, novo membro da RAG

O poeta do mar,que agora vive en Culleredo, volveu este sábado a Cangas para oficializar o seu ingreso na Real Academia Galega. Leu o seu discurso de ingreso no Auditorio da vila que o viu nacer, baixo o título de 'Contos populares e Rosalía'.

Poeta, novelista e dramaturgo, ademais de ensaísta, foi elixido académico no 2009 e ocupará a vacante de Cosntantino García.
Impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega , a súa obra abrangue diferentes xéneros: poesía, teatro, narrativa e literatura infantil. Entre os seus títulos máis destacados está o poemario Profecía do mar (1966), libro fundamental na poesía galega do século XX, Non vexo Vigo nin vexo Cangas (1975), Himno verde (1992) e Sen sombra e sen amor (2004). Recentemente obtivo o Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa pola súa primeira novela, Protoevanxeo do neto de Herodes.O autor cangués agarda agora a próxima edición da obra Larpancia saborosa do lobo e a raposa, gañadora do V Premio Estornela de teatro para nenos. Entre as últimas publicacións de Bernardino Graña destacan obras como o poemario Acendede as almenaras e O corvo que andou de pato .
Todos lembramos os seus versos "En Padrón os alumnos do instituto/ imaxínanme alegre docto e pulcro", pola súa relación co ambiente no que a cotío nos movemos; pero hoxe queremos trarer aquí un poema de Acendede as almenaras:

Andabas nun mar de soños
que me bulían por dentro.
Agora es real, no cope,
na rede dos meus segredos.
Eu dei o aparello ás ondas
por ver de atopar sustento
e apareciches enteira,
carne quente, corpo certo.
Serea cálida, engado
do navegante senlleiro,
do que cruzaba frialdades
e galernas de desexos.

Agora es un mar real
que ten alegrías, medos,
abalos, devalos, lúas...
o mar no que me alimento.






Sem comentários:

Enviar um comentário