04/04/10

Luar na Lubre presentará o seu novo disco o 9 de abril no Coliseum da Coruña

Luar na Lubre actuará por primeira vez en solitario no Coliseum coruñés, nun concerto que se celebrará o próximo día 9, e que servirá para facer un repaso dos 24 anos de vida do grupo de folk coruñés, ademais de adiantar algunhas das cancións que formarán parte do seu novo traballo. Así o anunciou onte Bieito Romero , alma máter desta banda, que explicou que xa están a traballar neste novo álbum, no que realizarán «unha mestura de música medieval galaica e folk. É unha combinación de música tradicional e música folk, que lle dá novos elementos á musica medieval», dixo o músico.
Ademais de «abrir boca» con cinco ou seis temas do seu novo traballo, tamén adiantou que a posta en escena destas cancións irá acompañada dunha nova iluminación e de proxeccións que tamén pasarán a formar parte da súa xira coa publicación do seu futuro traballo musical, que esperan que vexa a luz este mesmo ano.
Bieito Romero tamén quixo dedicar este concerto, que se inclúe dentro do ciclo Música con Raíces , a todos os coruñeses e a todos os seus fans, «a toda a xente que sempre estivo connosco e que sabemos que na Coruña sempre foi moita».

Sem comentários:

Enviar um comentário