04/04/10

Europa e América en Ponte... nas Ondas


O 16 de abril máis de 70 centros educativos de Galiza, Portugal, Brasil, Chile, Colombia, Cuba e Arxentina uniranse a través da internet para dar vida, cunha programación elaborada por alumnos de infantil, primaria, secundaria e ensino universitario, a nova edición de Ponte... nas Ondas!, unha experiencia interescolar xurdida hai quince anos coincidindo coa apertura da ponte internacional entre Salvaterra e Monçao. Serán en total 24 horas de televisión e radio por internet que reivindicarán o papel dos maiores na transmisión do coñecemento e que darán continuidade a pasada edición da cita, na que se propuxo o recoñecemento dos “tesouros vivos”.
Santiago Veloso, responsábel de Ponte... nas Ondas!, destaca que os avós “están asumindo novos papeis na sociedade actual” e que “o labor de transmisión da cultura lévano a cabo institucións como a escola”. Alerta de que se está a “producir certo afastamento entre esa xeración e os máis novos, provocado por mudanzas sociais que dificultan o fluxo de información entre eles” e incide na necesidade de “crear pontes” a través de iniciativas deste tipo.
Como novidade, Veloso salientou que a edición do 16 de abril será a primeira realizada integramente na rede e anunciou que se emitirá a través de internet mediante a televisión da Universidade de Vigo.

Que pensades?

Sem comentários:

Enviar um comentário