15/03/10

Magín Blanco despide o Salón do Libro ante 500 persoas




O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra pechou onte as súas portas, tras bater marcas de asistencia nun ano marcado pola redución de orzamento, cunha representación de A nena e o grilo, o proxecto literario e musical de Magín Blanco, ao que acudiron cincocentos nenos, nenas e pais. No Auditorio do Pazo da Cultura, o público celebrou a primeira posta en escena do espectáculo destinado ao público infantil e derivado do libro-CD-DVD A nena e o grilo, editado por OQO e asinado por Magín Blanco, figura destacada do pop galego.
Nese traballo biblio-discográfico, producido na parte musical por Uxía Senlle e ilustrado por Iván Prieto, colaboraron músicos coma Guadi Galego, Ugía Pedreira, Fred Martins ou Tarci Dávila. E, ao adaptalo para os escenarios, o compositor ourensán exhibiu unha ampla variedade de cancións nas que resultan claramente recoñecibles ecos de rumba, bossa nova, reggae ou folk. Como traballo conceptual, A nena e o grilo sitúase a medio camiño entre o pop e a música de autor, de feito, as harmonías vocais son o recurso musical máis empregado. Os propios autores presentaron o seu traballo en directo, nun espectáculo familiar no que Magín (guitarra, voz) contou coa compaña de Guadi Galego (voz), Uxía (voz), Xoán Curiel (guitarra e voz), Sergio Tannus (cavaquinho, guitarra, percusión, baixo e voz), Sergio Sales (teclado) e Charo Pita (voz e narración).
A parte falada adquire unha vital importancia, xa que nos relata dun xeito sinxelo, delicado e sutil, a historia de amizade entre a nena e o grilo, que descobre dimensións determinantes da existencia e abre horizontes positivos e ilusionantes. Tamén cobra especial protagonismo o audiovisual, que amosará a parte gráfica realizada polo ourensán Iván Prieto para o álbum, que ten unha importancia fundamental á hora de construír o universo desta fábula de raíces tradicionais.
Magín Blanco partiu de historias xa escritas para o libro, en forma de contos. Por este motivo, tentou resaltar o sentido dos mesmos construíndo unha “madeixa de fíos” que se entrelazan e se complementan para “colorear” o eixo de toda esta historia: a través do nacemento da amizade entre a nena e o seu amigo o grilo van percorrendo un camiño cheo de emocións e expresividade. Esta composición amosa un mundo inconformista nas letras e unha concepción musical orixinal para nenos e nenas de todas as idades, sen excluír ao público adulto.


Opinade!

Sem comentários:

Enviar um comentário