EDL

EDL

22/03/10

A actualidade persegue a Fuxan os Ventos


O éxito de 'Terra de Soños' mostra o interese polos temas desta formación, que foi símbolo da reivindicación da cultura popular galega nos setenta.

Van máis de 30 anos desde que X. L. Rivas, Mini, –hoxe integrante d’A Quenlla– escribía a letra de Cantiga de Berce, popularizada por Fuxan os Ventos cando o franquismo esmorecía. Porén, esta mensaxe non perdeu a vixencia, ao igual que moitas das ducias de letras que tecen o amplo repertorio que o grupo logrou espallar por festas, teleclubs e asociacións de cada recuncho do país. “Por desgraza, continúan as mesmas problemáticas que entón, no agro, no mar... a xente ten que emigrar, desmantélanse as industrias, impídenlle producir ao noso país malia ter capacidade para facelo, as mulleres seguen a sufrir as desigualdades...”, explica Tereixa Novo, integrante de Fuxan os Ventos desde os inicios. “Algún destes problemas víronse agudizados, como a cuestión idiomática. Cando comezamos, a lingua ficaba impedida e reprimida, pero agora a situación é peor. Desde as institucións públicas téntase acabar co galego por ser o noso sinal de identidade máis senlleiro. Por iso, son máis necesarias as cancións denuncia”, engade.
O decorrer dos anos non impediu que Fuxan os Ventos atravesase distintas xeracións até chegar aos que cantabamos A Sementeira e A Carolina nas comidas familiares ou nas longas viaxes en coche polas estradas tortuosas da Galiza de hai máis de 20 anos. Daquela, os meniños entoabamos poden en Madrí falar / con palabras ben fermosas, / que nunca nos han de pagar / a nosa fame de outrora / –letra de Muller, de Marica Campo– sen saber que era a emigración e sen aínda comprender que aquelas cancións que soaban nos radiocasetes espertaran en moitas persoas o compromiso co país. “A sociedade estaba daquela moi concienciada, polo feito de cantar en galego sentiamos unha conexión especial co público”, lembra a vocalista.

Opinade!

Sem comentários:

Enviar um comentário